Santiago, 15 de setembro de 2008.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ven de someter a información pública o Plan Director de Estradas de Galicia, o documento marco que planifica o desenvolvemento da rede de estradas de Galicia ata o horizonte do 2020. Dende hoxe e por un período de dous meses, o documento íntegro do Plan así como o informe de sustentabilidade ambiental poderá consultarse nas dependencias da Dirección Xeral de Obras Públicas en Santiago e nos servizos provinciais de Estradas da CPTOPT na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Tamén a través de internet na páxina da Consellería http://www.cptopt.xunta.es, está dispoñible un documento resumo do Plan. O período de información pública coincide co inicio do curso político logo do período estival, de xeito que se garante o coñecemento do documento de forma xeneralizada por parte de todos os cidadáns que así o desexen. Ademais, todos os concellos de Galicia xa dispoñen dun exemplar completo do Plan para a súa avaliación e debate.
Unha vez rematado o período de información pública, a Consellería procederá a análise das alegacións presentadas. Nesta fase, á vista do resultado da información pública e dos informes emitidos, introduciranse as modificacións ou correccións que procedan e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente elaborará a Memoria Ambiental, que terá carácter vinculante. Finalmente, trala redacción definitiva do documento onde se terán en conta as consideracións da Memoria Ambiental e as alegacións recibidas, o Consello da Xunta procederá á aprobación definitiva do Plan. Unha vez completado todo o proceso, o Plan será remitido ao Parlamento para o seu exame.
O Plan Director de Estradas, elaborado pola Consellería de Política Territorial, contempla un investimento de 16.000 millóns de euros repartidos a partes iguais entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento ata o ano 2020. O Plan define un total de 662 actuacións concretas do Goberno galego sobre o 74 por cento da rede autonómica, porcentaxe representativa da súa complexidade e alcance.
O Plan Director de Estradas baséase en principios estratéxicos que conciben a rede viaria como un sistema único que debe mellorar a accesibilidade e a competitividade de Galicia e contribuír ao reequilibrio territorial. Pretende igualmente incrementar a seguridade viaria, compatibilizar a mellora da rede co respecto ao medio ambiente e favorecer a concentración poboacional. En definitiva, a premisa fundamental do documento é, pois, a de construír unha rede viaria funcional e eficiente que estea ao servizo dos cidadáns e que lles ofreza igualdade de oportunidades con independencia do lugar no que residan.
A partir destes principios, o Plan identifica os seus obxectivos:
- Mellorar tanto a comunicación de Galicia coas rexións limítrofes (Asturias, Castela e León e Portugal) como a accesibilidade aos portos, aeroportos e redes de ferrocarril.
- Situar todo o sistema de asentamentos poboacionais a menos de 30 minutos dunha vía de altas prestacións.
- Aproximar as sete grandes cidades reducindo os tempos de viaxe e mellorando a fiabilidade das comunicacións.
- Reducir a conxestión e mellorar o acceso aos contorno urbanos, aos equipamentos de alcance supramunicipal e ás grandes áreas loxísticas e industriais.
- Garantir que os 315 concellos galegos dispoñan de acceso a través dun vial da rede de estradas da Xunta.
- De acordo co Plan Galego de Seguridade Viaria, reducir nun 40% o número de falecidos en accidentes de tráfico e minorar a súa gravidade.
- Separar a mobilidade dos peóns da dos vehículos e os tráficos de longo percorrido dos desprazamentos curtos.
- Proporcionar aos usuarios unhas condicións axeitadas en cada tipo de vía, garantindo o correcto estado dos seus elementos de seguridade.
- Mellorar a integración das infraestruturas na paisaxe minimizando o seu impacto.
Clasificación das estradas
Así mesmo, racionalízase a clasificación das estradas, pasando dun modelo baseado na súa titularidade a outro que ten en conta as súas funcións e que as xerarquiza entre Rede de Altas Prestacións e Rede de Articulación Territorial.
No que atinxe á Rede de Altas Prestacións, prográmanse actuacións futuras para garantir que a totalidade dos asentamentos de poboación e o 82% do territorio dispoña de acceso en condicións máis seguras e de confort en menos de 30 minutos a vías de altas prestacións. Para iso, pasarase a ter en 2020 unha rede de 2.303 quilómetros (1.571 quilómetros do Ministerio de Fomento e 732 quilómetros da Xunta), o que supón triplicar a Rede de Altas Prestacións da Xunta de Galicia.
A Rede de Altas Prestacións terá a súa continuidade para distribuír os tráficos sobre o territorio a través da Rede de Articulación Territorial, que á súa vez se subdivide entre unha rede Principal e outra Complementaria. O Plan establece tamén as características mínimas de calidade que deben cumprir as estradas de cada unha destas redes asegurando a súa conservación e mantemento e, polo tanto, dotándoas dunhas axeitadas condicións de seguridade.