
![]() |
Galicia foi, tradicionalmente, un territorio de difícil acceso, a antiga Fisterra do mundo coñecido e, malia iso, dou mostras sempre dunha sorprendente capacidade para a comunicación, mantendo fortes conexións co contorno europeo, reflectidas na súa historia, no patrimonio cultural ou nas múltiples pegadas que nos aproximan a outros pobos distantes. No seu camiñar a través do tempo, os nosos devanceiros foron modelando un territorio de extraordinaria beleza, a Terra Nai dos precursores, fonte de inspiración e referencia permanente, coa que todos nos sentimos orgullosos e identificados. Foi, con todo, nos últimos anos, co desenvolvemento das capacidades dun autogoberno que emana da Constitución e do Estatuto de Autonomía, cando a nosa terra máis avanzou na mellora das súas comunicacións físicas e impulsou as súas potencialidades en todas as ordes, aproximándonos aínda máis aos outros pobos e comunidades de España e de Europa. |
|
No século XXI os retos de Galicia pasan, inevitablemente, por acadar o equilibrio xusto entre o fomento do progreso e a preservación do noso patrimonio natural, pero tamén, pola asunción das novas tecnoloxías da información como as ferramentas que transmitan o noso traballo diario. Esta páxina web pretende funcionar como unha liña de comunicación directa e constante cos galegos e galegas onde queira que residan, para mantelos informados, sen intermediarios e en tempo real, de todos os pasos que damos para facer deste un país máis cohesionado, máis equilibrado e máis habitable. Como responsable da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do Goberno galego, son consciente da transcendencia da tarefa que lles debo aos galegos e galegas de onte, de hoxe e de mañá. Para iso, comprométome a traballar sen folgos e a garantir que sexan os intereses xerais da Comunidade Autónoma os que guíen todas e cada unha das actuacións deste departamento. A nosa páxina web axudará aos cidadáns a comprobar como poñemos todo o noso empeño en cumprir fielmente o contrato que con eles subscribimos e en seguir avanzando, de forma respectuosa cun legado secular, na defensa do medio natural, na protección do territorio e na mellora das comunicacións de Galicia. |
|